29/01/08

OCOS


hai xa bastantes anos, estudei por enésima vez unha sonata de Mozart, en sol, curtiña e simple. o segundo movemento, un rondó, non me daba saído. non sabía por qué, e estiven bastantes meses sen sabelo. podía, certamente, tocar o rondó, pero estaba tremendamente incómoda. nalgún momento caín na conta de que o que non sabía cómo tocar, eran, para a miña sorpresa, os silencios. en Mozart os silencios abundan enormemente, sobre todo se se teñen en conta todos aqueles que non veñen recollidos pola escrita de xeito explícito. diminutos momentos nos que o arco despégase da corda por mor do golpe de arco. reposicións deste. etcétera. naquel maldito rondó, ademáis, había moreas de silencios de corchea. foi preciso que me decatara, claramente, de que o meu problema eran os silencios, e que compría facer algo con eles, e en moi pouco tempo resolvín aquelo. (o que compría sobre todo facer era non quedarme quieta, permitir os movementos inerciais do corpo cando o arco se separaba das cordas). unha alumna pintora explicoume que en pintura hai un valor mais ou menos equivalente ao silencio en música. é o do "espacio negativo", se non me equivoco agora.mais tarde lin nun libro sobre pintura que a percepcion plena do espacio negativo, en debuxo, facilita enormemente o estabelecemento correcto das proporcions. teño intentado repetidamente estudar unha obra ou unha pasaxe centrándome sobre todo nos seus silencios. non está nada mal. igual de dificil ou de facil que estudar sons.

Sem comentários: