18/07/09

ESPAZO E TEMPO


aínda que semelle un sobreentendido, merece a pena lembrar que todo canto facemos (en violín e fóra del) sucede nun espazo e nun tempo. sentir ese espazo e ese tempo como a circunstancia que nos rodea, dispoñer dese espazo e ese tempo coa sensibilidade atenta á sua continuidade e á súa entidade real é moi importante. tocar o violín é, ante todo, moverse. de qué xeito, cándo e como, son preguntas que non atopan resposta na partitura, pero sí no corpo. xeralmente movémonos sen okupar realmente todo o espazo do que dispoñemos. xeralmente, a nosa percepción do tempo é fragmentaria e contén ocos valeiros nos que a danza do corpo interrúmpese. deixar que o tempo transcurra con tranquilidade e facer que o espazo tomado sexa suficiente e continuo son cuestións de gran importancia para a resolución de todo tipo de tarefas humanas, entre elas tocar o violín, pero non só eso. observade como camiñan as persoas na rúa, como falan. atendede á vosa respiración e atoparedes con frecuendia inarmonías, rixideces, carencias. mirade voar ou cantar un paxaro, mirade saltar un gato. a ningún deles se lle ocorrería mirar o reloxo, poñer un metrónomo, pedir o "la", medir o ángulo en que salta ou voa. cando fumos nenos, non nos diferenciábamos moito dun gatiño pequeno. todo o que facemos mal é adquirido. convén darlle voltas a esta idea.

14/07/09

BELEZA


ola de novo. imposibel explicar o longo silencio, que só foi silencio verbal. o violin segueu a soar, por sorte para min. gracias, brais, polo ánimo para seguer a escreber. hoxe teño a impresion de non ter case que nada para decir do platero de catro cordas que me acompaña, tan violento é o cadro que me ensina a vida e tan pequena a superficie que nese cadro roto semella ocupar o violín. demasiadas guerras e demasiada fame constituen un escenario no que a beleza chega a semellar grotesca. e probablemente así sería se non fose porque a beleza é necesaria. estou certa de que a beleza é necesaria por razóns extraordinariamente profundas. nada, se non fose esa necesidade, explicaría que un ser humán cree poemas nunha cela de prisión baixo terra que mide un metro por un metro. nada, se non fose esa necesidade, xustificaría que cada día homes e mulleres das mais variadas nacionalidades morran no intento de conquerir espacio para instaurar a xustiza, (que é beleza), e a beleza, (que é xusta porque se corresponde coas necesidades mais profundas, primitivas e consustanciais a este pobre animal que somos, e que ás veces, toca o violín...

02/06/08

BUSCANDO O SON


cantas e cantas veces concebimos o son como algo a "atopar", e ¡qué poucas nos sentimos realmente no acto de buscar o son! para percurar algo con esperanza de atopalo é necesario saber ou alo menos imaxinar moi intensamente cómo é eso que buscamos. claro que logo, o propio proceso da percura e a superposición de novas experiencias auditivas modifican parcialmente os nosos desexos. pero indubidablemente, o proceso da percura é o mais real de todo canto podemos experimentar mentres tocamos o violín. e ademais é o único sobre o que, de feito, somos capaces de influir. sempre se pode percurar mellor, mais lúcidamente e con mais entrega. para buscar pois o son, é convinte ter unha relación amigable coas aprendizaxes verbais que temos máis ou menos asumidas, experimentalas mais como ferramentas de busca que como imposicions dificultadoras. e sobre todo, é mester gardar moita capacidade cerebral libre para imaxinar e producir sons diversos, variando continuamente as condicions fisicas de produccion do son, atrevéndonos a rozar e mesmo cruzar a fronteira do "feo" (¿feo para quen? ¿feo en qué contexto? velaí preguntas que admiten respostas variadas).

11/03/08

"TER CONDICIÓNS"

http://www.youtube.com/watch?v=SYmqC5XznEw&mode=related&search=

07/02/08

TOCAR EN PÚBLICO


veño de escoitar as audicións d@s alumn@s do meu centro, antes do antroido. un pracer, escoitar músic@s xoves, en pleno proceso de formacion, capaces dunha interpretación artística profunda, adulta e intelixente.
tod@s tocaron dun xeito netamente distinto ao da última clase antes da audicion. claramente mellor, en clave artística, malia os fallos.
teño, porén, a certeza de que caseque tod@s sentíronse máis carenciad@s, máis imperfect@s que na clase. e mooooito máis que na casa. as horas posteriores a un compromiso público de síntese deberían de ser horas de intensa reflexión. unha reflexión moi fría e desapaixoada. non vale, non abonda laiarse de que na casa saía mellor (lema da simpática camisola exposta na cafetería de loli e tito). na casa sentiámonos máis libres, máis tranquil@s, máis enteir@s. a pregunta é: ¿por que? a resposta correcta é distinta para cada persoa. non hai unha resposta estándar. ten que haber unha resposta propia para quen xa serenad@, se sitúa fronte á lembranza do evento e mira para ela, buscando pantasmas que atrapar, mirar, entender e, se cadra (se cadra) logo esconxurar. non se trata, nunha desas, de rexeitar o medo. pode tratarse de asumilo con senso do humor.

29/01/08

OCOS


hai xa bastantes anos, estudei por enésima vez unha sonata de Mozart, en sol, curtiña e simple. o segundo movemento, un rondó, non me daba saído. non sabía por qué, e estiven bastantes meses sen sabelo. podía, certamente, tocar o rondó, pero estaba tremendamente incómoda. nalgún momento caín na conta de que o que non sabía cómo tocar, eran, para a miña sorpresa, os silencios. en Mozart os silencios abundan enormemente, sobre todo se se teñen en conta todos aqueles que non veñen recollidos pola escrita de xeito explícito. diminutos momentos nos que o arco despégase da corda por mor do golpe de arco. reposicións deste. etcétera. naquel maldito rondó, ademáis, había moreas de silencios de corchea. foi preciso que me decatara, claramente, de que o meu problema eran os silencios, e que compría facer algo con eles, e en moi pouco tempo resolvín aquelo. (o que compría sobre todo facer era non quedarme quieta, permitir os movementos inerciais do corpo cando o arco se separaba das cordas). unha alumna pintora explicoume que en pintura hai un valor mais ou menos equivalente ao silencio en música. é o do "espacio negativo", se non me equivoco agora.mais tarde lin nun libro sobre pintura que a percepcion plena do espacio negativo, en debuxo, facilita enormemente o estabelecemento correcto das proporcions. teño intentado repetidamente estudar unha obra ou unha pasaxe centrándome sobre todo nos seus silencios. non está nada mal. igual de dificil ou de facil que estudar sons.

22/01/08

LER

chamamos "lectura", en violín, a algo que non se fai só cos ollos. @s violinistas somos moi ruidentos, algun dia haberá que recoñecelo. fáisenos extraordinariamenmte dificil estar en actividade non sonora. por exemplo, parar de vez en cando para pensar no feito e no que virá. coherentemente con esa condicion ruidenta, tamén "lemos" case que sempre "en alto". deberiamos de ter as partituras xunto á cama para darlles unha ollada á noite, cando tod@s durmen e o silencio abre camiño ao pensamento. ou levalas connosco no autobús ou no tren. as veces que o fago sei que aprendo dun xeito non peor, e pode que mellor do que polo sistema común de lectura. e, afortunadamente, diferente. a variedade é unha gran cousa no método xeral de traballo. ter moitos procedimentos dos que botar man, como un pintor ten moitas cores na paleta para escoller e para misturar.
.....

é bó engadir que a lectura, frecuente e diversa, (sonora ou non), de partituras descoñecidas é tan necesaria para @ violinista como o é a lectura de novos libros para calquera...