27/12/07

ENSINADEPRENDER


a vó de paxaro, e para irnos entendendo o mellor posible:
a proposta pedagóxica máis avanzada para o violín que coñezo e na que creo ata que non se me amose que estou errada sería:
unha exploración permanente dirixida principalisimamente á reconstrución ou recuperación de dúas cousas que a vida adoita roubarnos, ou nós adoitamos extraviar, a saber:
~ o "eu-nen@", ese que fomos e deixamos lamentablemente de ser, non de xeito irreparable, por certo.
~ o "nós", ese gran ausente nas cidades, ao que procuramos compulsivamente no ocio cutre que nos suxire a publicidade, é dicir, por un camiño máis ben erróneo.
que caracteres podería ter, e de cotío non ten, esa procura da cal o violín é máis que nada un vehículo?
~ carácter físico, entendido se queredes como exercicio san para o cerebro e para o resto do corpo.
~ intelectual. investigación como xeito actitudinal. reflexión como hábito.
~ sensorial. hai tres sentidos que dirixen e constitúen o núcleo da experiencia violinística. ningún deles é a vista...
~ lúdico. non xogar, non gozar, non rir, non enredar co violín, é perderse o mellor.
~ criador. todo o recebido como receita é susceptible de ser transformado, adecuado, adaptado, recriado. realmente, se non se transformou nunca noutra cousa, non rematou o proceso de comprensión.
~ poético. o son é sempre, virtualmente, unha metáfora, un sabor, unha imaxe. se non se sinte o son como unha xanela aberta que permite experimentar algo-non-estrictamente-violinístico, é facil que esteamos un tanto lonxe de nós mesmos, e polo tanto, da propia música.
~ psicodramático. se non ex-presamos, ou sexa, empurramos cara fóra, o que temos dentro, (co pretexto da composición doutr@s ou de nós mesmos), o violín come en nós. se o facemos, tocar é un exquisito alimento.
~ consciente, claro, pero tamén sub-consciente, in-consciente e ata pre-consciente. non todo o que facemos e vivimos co violín se pode explicar, aínda que todo é perceptible.
~
potencialmente comunicativo. certamente pódese tocar o violín para un/ha mesm@. nese caso, tamén existe un interlocutor: un/ha mesm@.



REPASAR


un dos moitos sentidos que pode ter recuperar repertorio antigo, que hai moito tempo que un/ha non toca, é a toma de conciencia da propia mellora ao longo dese tempo.
conciencia e revalorización do propio avance (polo común difícil de percibir de tan gradual que é...)
outro posible valor desta práctica é identificar e analisar as carencias que se teñen padecido. carencias que, se cadra, axexan agochadas nalgures...
por outra banda, o repaso implica a recuperación dun material no que poder moverse con confianza, con comodidade. no que poder estar a gusto. @s que seguimos unha carreira (vaites coa palabra!) como instrumentistas, non nos sobran oportunidades de tocar cómod@s. apenas acadados unha serie de logros, bótansenos enriba novos desafíos, polo común superiores aos precedentes...
por último, e se cadra o máis curioso, repasar danos a oportunidade de constatar que, aparentemente abandoada, a obra "medrou", alterouse, seguiu una sorte de vida propia e maduración posterior. polo de agora ocórrenseme tres hipóteses do porqué desa maduración espontánea.
~ desenvolvemento espontáneo e ordenación inercial das experiencias obtidas
~ influencia do traballo desenvolvido sobre outras obras
~ cesamento da rutina.
conviría pensar con calma no papel que as inercias e as rutinas xogan no noso contacto co violín, tanto para mal como para ben.

25/12/07

A ARTE E O TEMPO.


"arte", "artista". palabras case tan usadas como mal usadas. abusadas como rótulo de casta, como xeito de trazar unha barreira entre "nós" e "@s outr@s". considero artista a tod@ aquel/a capaz de perseverar, de teimar nunha tarefa percurando (simplemente??) levala a cabo sempre mellor, o mellor posible. hain@s en todos os xeitos de actividade humana. supoño que o amor é o mellor xeito de perseverancia, o único xeito de perseverancia capaz de criar beleza, lenta e docemente, impetuosa e terriblemente, como a auga cría un río na pedra, sen abandoar endexamais o seu labor. @s human@s adoitamos adoecer de impaciencia. mais tamén somos quen de desexar e de perseverar. somos quen de mirar, sentir e ouvir con profundidade sempre crecente. somos quen de deternos a acariñar o conquerido e a desexar o que aínda está a ser concebido. (esas pausas vivas, observadoras, activas, garanten a frescura do novo intento, garanten a súa lucidez, forman parte da dinámica do traballo criador). somos quen de illar e contemplar as pequenas tarefas que conforman unha grande tarefa, e pacientemente, como canteiros, unha a unha levalas a cabo, sen anguria, con calma, implacables como ríos. somos quen de esperar a que o saber floreza, fructifique e madure como nunha árbore. se cadra por iso é dubidoso que se podan considerar artísticas as "operacións triunfo" meteóricas e pretendidamente milagreiras. todo o bó, todo o que vale, é fillo dun tempo calmo que debemos de loitar por criar dende o centro do caos presuroso que produce dividendos engaiolantes, currículums vitae rechamantes, e ...clientela para @s psiquiatras e @s fisioterapeutas.
todo esto ten moito que ver con outra cousa:
como aprendemos a ser violinistas sen deixar de ser persoas, e sen nos converter en autómatas.

NADAL DE 2007

estivo ben lonxe de vós o violín do becho, pedímosvos perdón el e máis eu. andabamos por aí, loitando, preguntando, buscando, chorando e rindo. isto non é un saúdo de nadal, non. cada minuto nacen incontábeis nenos pobres en infindos currunchos de miseria. ningún rei, nen mago nen dos outros, lles leva nada.
un dos poucos agasallos é a música, cando non está prostituída. brindemos por ela hoxe, un día como tantos outros.