27/12/07

ENSINADEPRENDER


a vó de paxaro, e para irnos entendendo o mellor posible:
a proposta pedagóxica máis avanzada para o violín que coñezo e na que creo ata que non se me amose que estou errada sería:
unha exploración permanente dirixida principalisimamente á reconstrución ou recuperación de dúas cousas que a vida adoita roubarnos, ou nós adoitamos extraviar, a saber:
~ o "eu-nen@", ese que fomos e deixamos lamentablemente de ser, non de xeito irreparable, por certo.
~ o "nós", ese gran ausente nas cidades, ao que procuramos compulsivamente no ocio cutre que nos suxire a publicidade, é dicir, por un camiño máis ben erróneo.
que caracteres podería ter, e de cotío non ten, esa procura da cal o violín é máis que nada un vehículo?
~ carácter físico, entendido se queredes como exercicio san para o cerebro e para o resto do corpo.
~ intelectual. investigación como xeito actitudinal. reflexión como hábito.
~ sensorial. hai tres sentidos que dirixen e constitúen o núcleo da experiencia violinística. ningún deles é a vista...
~ lúdico. non xogar, non gozar, non rir, non enredar co violín, é perderse o mellor.
~ criador. todo o recebido como receita é susceptible de ser transformado, adecuado, adaptado, recriado. realmente, se non se transformou nunca noutra cousa, non rematou o proceso de comprensión.
~ poético. o son é sempre, virtualmente, unha metáfora, un sabor, unha imaxe. se non se sinte o son como unha xanela aberta que permite experimentar algo-non-estrictamente-violinístico, é facil que esteamos un tanto lonxe de nós mesmos, e polo tanto, da propia música.
~ psicodramático. se non ex-presamos, ou sexa, empurramos cara fóra, o que temos dentro, (co pretexto da composición doutr@s ou de nós mesmos), o violín come en nós. se o facemos, tocar é un exquisito alimento.
~ consciente, claro, pero tamén sub-consciente, in-consciente e ata pre-consciente. non todo o que facemos e vivimos co violín se pode explicar, aínda que todo é perceptible.
~
potencialmente comunicativo. certamente pódese tocar o violín para un/ha mesm@. nese caso, tamén existe un interlocutor: un/ha mesm@.



REPASAR


un dos moitos sentidos que pode ter recuperar repertorio antigo, que hai moito tempo que un/ha non toca, é a toma de conciencia da propia mellora ao longo dese tempo.
conciencia e revalorización do propio avance (polo común difícil de percibir de tan gradual que é...)
outro posible valor desta práctica é identificar e analisar as carencias que se teñen padecido. carencias que, se cadra, axexan agochadas nalgures...
por outra banda, o repaso implica a recuperación dun material no que poder moverse con confianza, con comodidade. no que poder estar a gusto. @s que seguimos unha carreira (vaites coa palabra!) como instrumentistas, non nos sobran oportunidades de tocar cómod@s. apenas acadados unha serie de logros, bótansenos enriba novos desafíos, polo común superiores aos precedentes...
por último, e se cadra o máis curioso, repasar danos a oportunidade de constatar que, aparentemente abandoada, a obra "medrou", alterouse, seguiu una sorte de vida propia e maduración posterior. polo de agora ocórrenseme tres hipóteses do porqué desa maduración espontánea.
~ desenvolvemento espontáneo e ordenación inercial das experiencias obtidas
~ influencia do traballo desenvolvido sobre outras obras
~ cesamento da rutina.
conviría pensar con calma no papel que as inercias e as rutinas xogan no noso contacto co violín, tanto para mal como para ben.

25/12/07

A ARTE E O TEMPO.


"arte", "artista". palabras case tan usadas como mal usadas. abusadas como rótulo de casta, como xeito de trazar unha barreira entre "nós" e "@s outr@s". considero artista a tod@ aquel/a capaz de perseverar, de teimar nunha tarefa percurando (simplemente??) levala a cabo sempre mellor, o mellor posible. hain@s en todos os xeitos de actividade humana. supoño que o amor é o mellor xeito de perseverancia, o único xeito de perseverancia capaz de criar beleza, lenta e docemente, impetuosa e terriblemente, como a auga cría un río na pedra, sen abandoar endexamais o seu labor. @s human@s adoitamos adoecer de impaciencia. mais tamén somos quen de desexar e de perseverar. somos quen de mirar, sentir e ouvir con profundidade sempre crecente. somos quen de deternos a acariñar o conquerido e a desexar o que aínda está a ser concebido. (esas pausas vivas, observadoras, activas, garanten a frescura do novo intento, garanten a súa lucidez, forman parte da dinámica do traballo criador). somos quen de illar e contemplar as pequenas tarefas que conforman unha grande tarefa, e pacientemente, como canteiros, unha a unha levalas a cabo, sen anguria, con calma, implacables como ríos. somos quen de esperar a que o saber floreza, fructifique e madure como nunha árbore. se cadra por iso é dubidoso que se podan considerar artísticas as "operacións triunfo" meteóricas e pretendidamente milagreiras. todo o bó, todo o que vale, é fillo dun tempo calmo que debemos de loitar por criar dende o centro do caos presuroso que produce dividendos engaiolantes, currículums vitae rechamantes, e ...clientela para @s psiquiatras e @s fisioterapeutas.
todo esto ten moito que ver con outra cousa:
como aprendemos a ser violinistas sen deixar de ser persoas, e sen nos converter en autómatas.

NADAL DE 2007

estivo ben lonxe de vós o violín do becho, pedímosvos perdón el e máis eu. andabamos por aí, loitando, preguntando, buscando, chorando e rindo. isto non é un saúdo de nadal, non. cada minuto nacen incontábeis nenos pobres en infindos currunchos de miseria. ningún rei, nen mago nen dos outros, lles leva nada.
un dos poucos agasallos é a música, cando non está prostituída. brindemos por ela hoxe, un día como tantos outros.

27/06/07

A TÉCNICA, 2

desgraciadamente, a percepción que temos a priori e incluso a posteriori, respecto do conxunto de prácticas propias do noso entrenamento, é a de un prezo a pagar para poder facer música, idea discutible. a suxeción da arte á lóxica de mercado obriga, porén ao/á profesional a manter un nivel alto de rendemento físico. xa post@s a vivir da música, necesitamos pois facer da técnica unha vivencia básicamente pracenteira. para atopar esa fórmula penso que é bó pensar no feito técnico como nunha fonte de pracer de seu. como nun deporte, unha arte, un proceso creativo. deporte como goce do corpo que respira en movemento.arte como percura da fluidez e a beleza dos movementos, como deseño dunha coreografía.creación non conformándonos có que se merca feito nos manuais. tod@s somos quén de inventar os nosos propios exercicios, ou de adaptar os que preexisten de xeito innovador. trátase de facer noso aquelo que facemos seguindo consignas chegadas de fora. apropiarnos disas consignas, reinterpretalas.

19/06/07