18/01/08

ANTE TODO, MOITA CALMA


relendo a entrada que titulei "ensinadeprender", o dito en último lugar (aquelo de que a maior parte do tempo temos un único oínte que é precisamente quen toca, eu, ou tí) caio na conta de que non sempre somos @ mellor oínte de nós mesm@s.... frecuentemente somos un autooínte intolerante, nervoso, impaciente, falto de delicadeza. esto non é un problema insignificante e atinxe a niveis moi profundos da autoestima e a niveis moi profundos da concentración, ferramenta importante donde as haxa. non é raro que nos escoitemos a nós mesm@s seguindo o patrón de conducta dun mestre severísimo ao que lle temos non menos medo que a o xurado dun concurso internacional. ollo. ahi entran conceptos esterilizantes como o do "nivel" entendido como algo abstracto e ameazante. entran sentimentos de culpa ligados ao trauma de "xa vou vell@ para tocar así". entran oscuros sentimentos de dúbida sobre as nosas capacidades, e inútiles impulsos de compararnos con outr@s aos que consideramos referentes ou modelos. estar concentrad@s equivale a ser oíntes atent@s e desprexuiciad@s de nós mesm@s. quero decir: ser incapaces de apreciar os nosos acertos e disfrutar diles, non é menos perigoso que ser xordos cara aos nosos propios fallos. o referente realmente importante (e obxectivamente útil) non é outr@ que @ violinista que queremos ser e que indubidablemente habemos de ser se nos poñemos a elo con calma, con cautela, nun estado de alerta agudo pero sereno, intenso e permanente. os nosos erros son a nosa principal escola. se eles nos inmobilizan, nos frustran, nos impiden oir e sentir con claridade, ficamos incapacitad@s para examinalos, para entendelos, para superalos.

16/01/08

PEDAGOXIA


xa dí murray shaffer que non hai mestres, só unha comunidade de xente que fai o posible por adeprender.
daquela, a@ docente qué lle queda?
algunhas suxerencias:
a primeira en importancia: non estorbar.
a segunda: intervir o menos posible.
a terceira: aplicarse seriamente a adeprender as peculiaridades de cada alumn@.
e logo, en orden aleatorio, xa que todo semella ter grande importancia:
--posibilitar a experiencia d@ alumno. ofertarlle situacions, lugares, pretextos para sentir a música como un feito real, social, non só académico.
--facilitar ou acompañar a constante percura de estímulos.
--facilitar ou acompañar o proceso de superacion das experiencias castradoras que todo ser humano introducido na maquinaria productiva (da que o sistema existente de ensino é un mero "preludio") sofre ou sofreu.
--facilitar o xurdimento de desexos estéticos propios definidos.
--facilitar a percura e uso de ferramentas técnicas e hábitos de traballo. (aprendizaxe do oficio)
--educar a percepción selectiva de pequenos fenomenos sonoro-tacto-motrices no medio do caos de vivencias simultáneas que constitúen o feito de tocar o violín.

15/01/08

ANÁLISE E SÍNTESE EN VIOLIN

moit@s, se non tod@s, temos experimentado o que é , mentras tocamos un instrumento, pensar a unha velocidade moi superior ao que podemos permitirnos. esto adoita acontecer mentres tocamos en situación de stress. un/ha pensa, nota a nota, xesto a xesto, todo o apresa que pode, e... non dá feito. dándolle voltas a este tipo de situacións, merece a pena lembrar que o noso cerebro actúa de alomenos dous xeitos moi distintos. (hai quen atribúe cada un deses xeitos de funcionamento a un dos hemisferios do cerebro. segundo estes, o hemisferio dereito especializaríase nas funcións intuitivas, globais, sintetizadoras, mentres que o esquerdo faríao no racional, verbal, numérico, e analítico. espero non trabucarme. pola outra banda, hai quen asigna as funcions intuitivas, etc, ás zonas mais profundas e antigas do noso cerebro, e as racionais etc, ao neocortex, zona superficial e mais recente dende o punto de vista evolutivo). non é a miña intencion entrar na análise distas teorías, labor que me superaría en moito. o que eu quixera é salientar que con gran frecuencia, o noso modo de estudar un instrumento está supeditado a criterios e vivencias racionais que, sendo de grande utilidade para comprender os fenómenos técnicos e trazar estratexias para a súa solución, son en cambio de todo punto inútiles á hora de crear ou evocar imaxes artísticas.
o exemplo que máis fácilmente me ven á cabeza mentras escrebo, é o proceso polo cal @ nen@
comeza a ler. ve, unha a unha, sílabas que, unha a unha procesa, identifica e pronuncia. algunhas semanas ou meses mais tarde, en troques, o seu cerebro "ve" a mancha da palabra e máis tarde, a da frase, que é capaz xá de ler sen segmentar, por identificación global, aprehendéndoa toda e podendo "entrar" nela, interpretála.
os pequenos feitos psicofisiolóxicos que compoñen o feito de tocar o violín, como compoñen probablemente toda actividade humana, cóntanse non sei se por centos, miles ou máis.
como violinista sei que, se quero facer unha pasaxe rapidísima composta de moitas notas,
non podo tocar ben a pasaxe concebíndoa como unha serie de numerosas notiñas. o que sí podo,en troques, é vela, como unha mancha, e lanzarme a ela como quen dá un manotazo global. pero o caso é que en determinadas circunstancias, antes, e para conquerir esta capacidade, teño necesidade perentoria de analisar, de determe e preguntarme cousas, incluso a nivel verbal, organizar as miñas estratexias e adquirir as habilidades necesarias paso a paso, racional, gradual e organizadamente.
vexo o estudo do violin-profesión como un proceso de dúas caras que teñen que estar a ser usadas en constante oscilación:
1. estudo analítico, 2. tocar-xogar sen pensar, e de novo 1. análise consciente, e outra volta 2. síntese -xogo.
eso fai posible que un/ha disfroite nun escenario soportando unha dose de risco e de irracionalidade. hai unha insuficiencia en xogar sempre sen se deter a reflexionar, e é a chapuza. hai outra insuficiencia en reflexionar sempre: é imposible. e se non coñecemos o "outro estado", o do xogo abarcador e arriscado, con suficiente familiaridade, tendemos a sacralizálo como milagre da inspiración, e non podemos invocalo con sinxeleza cando nos é necesario.

27/12/07

ENSINADEPRENDER


a vó de paxaro, e para irnos entendendo o mellor posible:
a proposta pedagóxica máis avanzada para o violín que coñezo e na que creo ata que non se me amose que estou errada sería:
unha exploración permanente dirixida principalisimamente á reconstrución ou recuperación de dúas cousas que a vida adoita roubarnos, ou nós adoitamos extraviar, a saber:
~ o "eu-nen@", ese que fomos e deixamos lamentablemente de ser, non de xeito irreparable, por certo.
~ o "nós", ese gran ausente nas cidades, ao que procuramos compulsivamente no ocio cutre que nos suxire a publicidade, é dicir, por un camiño máis ben erróneo.
que caracteres podería ter, e de cotío non ten, esa procura da cal o violín é máis que nada un vehículo?
~ carácter físico, entendido se queredes como exercicio san para o cerebro e para o resto do corpo.
~ intelectual. investigación como xeito actitudinal. reflexión como hábito.
~ sensorial. hai tres sentidos que dirixen e constitúen o núcleo da experiencia violinística. ningún deles é a vista...
~ lúdico. non xogar, non gozar, non rir, non enredar co violín, é perderse o mellor.
~ criador. todo o recebido como receita é susceptible de ser transformado, adecuado, adaptado, recriado. realmente, se non se transformou nunca noutra cousa, non rematou o proceso de comprensión.
~ poético. o son é sempre, virtualmente, unha metáfora, un sabor, unha imaxe. se non se sinte o son como unha xanela aberta que permite experimentar algo-non-estrictamente-violinístico, é facil que esteamos un tanto lonxe de nós mesmos, e polo tanto, da propia música.
~ psicodramático. se non ex-presamos, ou sexa, empurramos cara fóra, o que temos dentro, (co pretexto da composición doutr@s ou de nós mesmos), o violín come en nós. se o facemos, tocar é un exquisito alimento.
~ consciente, claro, pero tamén sub-consciente, in-consciente e ata pre-consciente. non todo o que facemos e vivimos co violín se pode explicar, aínda que todo é perceptible.
~
potencialmente comunicativo. certamente pódese tocar o violín para un/ha mesm@. nese caso, tamén existe un interlocutor: un/ha mesm@.



REPASAR


un dos moitos sentidos que pode ter recuperar repertorio antigo, que hai moito tempo que un/ha non toca, é a toma de conciencia da propia mellora ao longo dese tempo.
conciencia e revalorización do propio avance (polo común difícil de percibir de tan gradual que é...)
outro posible valor desta práctica é identificar e analisar as carencias que se teñen padecido. carencias que, se cadra, axexan agochadas nalgures...
por outra banda, o repaso implica a recuperación dun material no que poder moverse con confianza, con comodidade. no que poder estar a gusto. @s que seguimos unha carreira (vaites coa palabra!) como instrumentistas, non nos sobran oportunidades de tocar cómod@s. apenas acadados unha serie de logros, bótansenos enriba novos desafíos, polo común superiores aos precedentes...
por último, e se cadra o máis curioso, repasar danos a oportunidade de constatar que, aparentemente abandoada, a obra "medrou", alterouse, seguiu una sorte de vida propia e maduración posterior. polo de agora ocórrenseme tres hipóteses do porqué desa maduración espontánea.
~ desenvolvemento espontáneo e ordenación inercial das experiencias obtidas
~ influencia do traballo desenvolvido sobre outras obras
~ cesamento da rutina.
conviría pensar con calma no papel que as inercias e as rutinas xogan no noso contacto co violín, tanto para mal como para ben.

25/12/07

A ARTE E O TEMPO.


"arte", "artista". palabras case tan usadas como mal usadas. abusadas como rótulo de casta, como xeito de trazar unha barreira entre "nós" e "@s outr@s". considero artista a tod@ aquel/a capaz de perseverar, de teimar nunha tarefa percurando (simplemente??) levala a cabo sempre mellor, o mellor posible. hain@s en todos os xeitos de actividade humana. supoño que o amor é o mellor xeito de perseverancia, o único xeito de perseverancia capaz de criar beleza, lenta e docemente, impetuosa e terriblemente, como a auga cría un río na pedra, sen abandoar endexamais o seu labor. @s human@s adoitamos adoecer de impaciencia. mais tamén somos quen de desexar e de perseverar. somos quen de mirar, sentir e ouvir con profundidade sempre crecente. somos quen de deternos a acariñar o conquerido e a desexar o que aínda está a ser concebido. (esas pausas vivas, observadoras, activas, garanten a frescura do novo intento, garanten a súa lucidez, forman parte da dinámica do traballo criador). somos quen de illar e contemplar as pequenas tarefas que conforman unha grande tarefa, e pacientemente, como canteiros, unha a unha levalas a cabo, sen anguria, con calma, implacables como ríos. somos quen de esperar a que o saber floreza, fructifique e madure como nunha árbore. se cadra por iso é dubidoso que se podan considerar artísticas as "operacións triunfo" meteóricas e pretendidamente milagreiras. todo o bó, todo o que vale, é fillo dun tempo calmo que debemos de loitar por criar dende o centro do caos presuroso que produce dividendos engaiolantes, currículums vitae rechamantes, e ...clientela para @s psiquiatras e @s fisioterapeutas.
todo esto ten moito que ver con outra cousa:
como aprendemos a ser violinistas sen deixar de ser persoas, e sen nos converter en autómatas.

NADAL DE 2007

estivo ben lonxe de vós o violín do becho, pedímosvos perdón el e máis eu. andabamos por aí, loitando, preguntando, buscando, chorando e rindo. isto non é un saúdo de nadal, non. cada minuto nacen incontábeis nenos pobres en infindos currunchos de miseria. ningún rei, nen mago nen dos outros, lles leva nada.
un dos poucos agasallos é a música, cando non está prostituída. brindemos por ela hoxe, un día como tantos outros.