18/07/09

ESPAZO E TEMPO


aínda que semelle un sobreentendido, merece a pena lembrar que todo canto facemos (en violín e fóra del) sucede nun espazo e nun tempo. sentir ese espazo e ese tempo como a circunstancia que nos rodea, dispoñer dese espazo e ese tempo coa sensibilidade atenta á sua continuidade e á súa entidade real é moi importante. tocar o violín é, ante todo, moverse. de qué xeito, cándo e como, son preguntas que non atopan resposta na partitura, pero sí no corpo. xeralmente movémonos sen okupar realmente todo o espazo do que dispoñemos. xeralmente, a nosa percepción do tempo é fragmentaria e contén ocos valeiros nos que a danza do corpo interrúmpese. deixar que o tempo transcurra con tranquilidade e facer que o espazo tomado sexa suficiente e continuo son cuestións de gran importancia para a resolución de todo tipo de tarefas humanas, entre elas tocar o violín, pero non só eso. observade como camiñan as persoas na rúa, como falan. atendede á vosa respiración e atoparedes con frecuendia inarmonías, rixideces, carencias. mirade voar ou cantar un paxaro, mirade saltar un gato. a ningún deles se lle ocorrería mirar o reloxo, poñer un metrónomo, pedir o "la", medir o ángulo en que salta ou voa. cando fumos nenos, non nos diferenciábamos moito dun gatiño pequeno. todo o que facemos mal é adquirido. convén darlle voltas a esta idea.

14/07/09

BELEZA


ola de novo. imposibel explicar o longo silencio, que só foi silencio verbal. o violin segueu a soar, por sorte para min. gracias, brais, polo ánimo para seguer a escreber. hoxe teño a impresion de non ter case que nada para decir do platero de catro cordas que me acompaña, tan violento é o cadro que me ensina a vida e tan pequena a superficie que nese cadro roto semella ocupar o violín. demasiadas guerras e demasiada fame constituen un escenario no que a beleza chega a semellar grotesca. e probablemente así sería se non fose porque a beleza é necesaria. estou certa de que a beleza é necesaria por razóns extraordinariamente profundas. nada, se non fose esa necesidade, explicaría que un ser humán cree poemas nunha cela de prisión baixo terra que mide un metro por un metro. nada, se non fose esa necesidade, xustificaría que cada día homes e mulleres das mais variadas nacionalidades morran no intento de conquerir espacio para instaurar a xustiza, (que é beleza), e a beleza, (que é xusta porque se corresponde coas necesidades mais profundas, primitivas e consustanciais a este pobre animal que somos, e que ás veces, toca o violín...

02/06/08

BUSCANDO O SON


cantas e cantas veces concebimos o son como algo a "atopar", e ¡qué poucas nos sentimos realmente no acto de buscar o son! para percurar algo con esperanza de atopalo é necesario saber ou alo menos imaxinar moi intensamente cómo é eso que buscamos. claro que logo, o propio proceso da percura e a superposición de novas experiencias auditivas modifican parcialmente os nosos desexos. pero indubidablemente, o proceso da percura é o mais real de todo canto podemos experimentar mentres tocamos o violín. e ademais é o único sobre o que, de feito, somos capaces de influir. sempre se pode percurar mellor, mais lúcidamente e con mais entrega. para buscar pois o son, é convinte ter unha relación amigable coas aprendizaxes verbais que temos máis ou menos asumidas, experimentalas mais como ferramentas de busca que como imposicions dificultadoras. e sobre todo, é mester gardar moita capacidade cerebral libre para imaxinar e producir sons diversos, variando continuamente as condicions fisicas de produccion do son, atrevéndonos a rozar e mesmo cruzar a fronteira do "feo" (¿feo para quen? ¿feo en qué contexto? velaí preguntas que admiten respostas variadas).

11/03/08

"TER CONDICIÓNS"

http://www.youtube.com/watch?v=SYmqC5XznEw&mode=related&search=

07/02/08

TOCAR EN PÚBLICO


veño de escoitar as audicións d@s alumn@s do meu centro, antes do antroido. un pracer, escoitar músic@s xoves, en pleno proceso de formacion, capaces dunha interpretación artística profunda, adulta e intelixente.
tod@s tocaron dun xeito netamente distinto ao da última clase antes da audicion. claramente mellor, en clave artística, malia os fallos.
teño, porén, a certeza de que caseque tod@s sentíronse máis carenciad@s, máis imperfect@s que na clase. e mooooito máis que na casa. as horas posteriores a un compromiso público de síntese deberían de ser horas de intensa reflexión. unha reflexión moi fría e desapaixoada. non vale, non abonda laiarse de que na casa saía mellor (lema da simpática camisola exposta na cafetería de loli e tito). na casa sentiámonos máis libres, máis tranquil@s, máis enteir@s. a pregunta é: ¿por que? a resposta correcta é distinta para cada persoa. non hai unha resposta estándar. ten que haber unha resposta propia para quen xa serenad@, se sitúa fronte á lembranza do evento e mira para ela, buscando pantasmas que atrapar, mirar, entender e, se cadra (se cadra) logo esconxurar. non se trata, nunha desas, de rexeitar o medo. pode tratarse de asumilo con senso do humor.

29/01/08

OCOS


hai xa bastantes anos, estudei por enésima vez unha sonata de Mozart, en sol, curtiña e simple. o segundo movemento, un rondó, non me daba saído. non sabía por qué, e estiven bastantes meses sen sabelo. podía, certamente, tocar o rondó, pero estaba tremendamente incómoda. nalgún momento caín na conta de que o que non sabía cómo tocar, eran, para a miña sorpresa, os silencios. en Mozart os silencios abundan enormemente, sobre todo se se teñen en conta todos aqueles que non veñen recollidos pola escrita de xeito explícito. diminutos momentos nos que o arco despégase da corda por mor do golpe de arco. reposicións deste. etcétera. naquel maldito rondó, ademáis, había moreas de silencios de corchea. foi preciso que me decatara, claramente, de que o meu problema eran os silencios, e que compría facer algo con eles, e en moi pouco tempo resolvín aquelo. (o que compría sobre todo facer era non quedarme quieta, permitir os movementos inerciais do corpo cando o arco se separaba das cordas). unha alumna pintora explicoume que en pintura hai un valor mais ou menos equivalente ao silencio en música. é o do "espacio negativo", se non me equivoco agora.mais tarde lin nun libro sobre pintura que a percepcion plena do espacio negativo, en debuxo, facilita enormemente o estabelecemento correcto das proporcions. teño intentado repetidamente estudar unha obra ou unha pasaxe centrándome sobre todo nos seus silencios. non está nada mal. igual de dificil ou de facil que estudar sons.

22/01/08

LER

chamamos "lectura", en violín, a algo que non se fai só cos ollos. @s violinistas somos moi ruidentos, algun dia haberá que recoñecelo. fáisenos extraordinariamenmte dificil estar en actividade non sonora. por exemplo, parar de vez en cando para pensar no feito e no que virá. coherentemente con esa condicion ruidenta, tamén "lemos" case que sempre "en alto". deberiamos de ter as partituras xunto á cama para darlles unha ollada á noite, cando tod@s durmen e o silencio abre camiño ao pensamento. ou levalas connosco no autobús ou no tren. as veces que o fago sei que aprendo dun xeito non peor, e pode que mellor do que polo sistema común de lectura. e, afortunadamente, diferente. a variedade é unha gran cousa no método xeral de traballo. ter moitos procedimentos dos que botar man, como un pintor ten moitas cores na paleta para escoller e para misturar.
.....

é bó engadir que a lectura, frecuente e diversa, (sonora ou non), de partituras descoñecidas é tan necesaria para @ violinista como o é a lectura de novos libros para calquera...

18/01/08

ANTE TODO, MOITA CALMA


relendo a entrada que titulei "ensinadeprender", o dito en último lugar (aquelo de que a maior parte do tempo temos un único oínte que é precisamente quen toca, eu, ou tí) caio na conta de que non sempre somos @ mellor oínte de nós mesm@s.... frecuentemente somos un autooínte intolerante, nervoso, impaciente, falto de delicadeza. esto non é un problema insignificante e atinxe a niveis moi profundos da autoestima e a niveis moi profundos da concentración, ferramenta importante donde as haxa. non é raro que nos escoitemos a nós mesm@s seguindo o patrón de conducta dun mestre severísimo ao que lle temos non menos medo que a o xurado dun concurso internacional. ollo. ahi entran conceptos esterilizantes como o do "nivel" entendido como algo abstracto e ameazante. entran sentimentos de culpa ligados ao trauma de "xa vou vell@ para tocar así". entran oscuros sentimentos de dúbida sobre as nosas capacidades, e inútiles impulsos de compararnos con outr@s aos que consideramos referentes ou modelos. estar concentrad@s equivale a ser oíntes atent@s e desprexuiciad@s de nós mesm@s. quero decir: ser incapaces de apreciar os nosos acertos e disfrutar diles, non é menos perigoso que ser xordos cara aos nosos propios fallos. o referente realmente importante (e obxectivamente útil) non é outr@ que @ violinista que queremos ser e que indubidablemente habemos de ser se nos poñemos a elo con calma, con cautela, nun estado de alerta agudo pero sereno, intenso e permanente. os nosos erros son a nosa principal escola. se eles nos inmobilizan, nos frustran, nos impiden oir e sentir con claridade, ficamos incapacitad@s para examinalos, para entendelos, para superalos.

16/01/08

PEDAGOXIA


xa dí murray shaffer que non hai mestres, só unha comunidade de xente que fai o posible por adeprender.
daquela, a@ docente qué lle queda?
algunhas suxerencias:
a primeira en importancia: non estorbar.
a segunda: intervir o menos posible.
a terceira: aplicarse seriamente a adeprender as peculiaridades de cada alumn@.
e logo, en orden aleatorio, xa que todo semella ter grande importancia:
--posibilitar a experiencia d@ alumno. ofertarlle situacions, lugares, pretextos para sentir a música como un feito real, social, non só académico.
--facilitar ou acompañar a constante percura de estímulos.
--facilitar ou acompañar o proceso de superacion das experiencias castradoras que todo ser humano introducido na maquinaria productiva (da que o sistema existente de ensino é un mero "preludio") sofre ou sofreu.
--facilitar o xurdimento de desexos estéticos propios definidos.
--facilitar a percura e uso de ferramentas técnicas e hábitos de traballo. (aprendizaxe do oficio)
--educar a percepción selectiva de pequenos fenomenos sonoro-tacto-motrices no medio do caos de vivencias simultáneas que constitúen o feito de tocar o violín.

15/01/08

ANÁLISE E SÍNTESE EN VIOLIN

moit@s, se non tod@s, temos experimentado o que é , mentras tocamos un instrumento, pensar a unha velocidade moi superior ao que podemos permitirnos. esto adoita acontecer mentres tocamos en situación de stress. un/ha pensa, nota a nota, xesto a xesto, todo o apresa que pode, e... non dá feito. dándolle voltas a este tipo de situacións, merece a pena lembrar que o noso cerebro actúa de alomenos dous xeitos moi distintos. (hai quen atribúe cada un deses xeitos de funcionamento a un dos hemisferios do cerebro. segundo estes, o hemisferio dereito especializaríase nas funcións intuitivas, globais, sintetizadoras, mentres que o esquerdo faríao no racional, verbal, numérico, e analítico. espero non trabucarme. pola outra banda, hai quen asigna as funcions intuitivas, etc, ás zonas mais profundas e antigas do noso cerebro, e as racionais etc, ao neocortex, zona superficial e mais recente dende o punto de vista evolutivo). non é a miña intencion entrar na análise distas teorías, labor que me superaría en moito. o que eu quixera é salientar que con gran frecuencia, o noso modo de estudar un instrumento está supeditado a criterios e vivencias racionais que, sendo de grande utilidade para comprender os fenómenos técnicos e trazar estratexias para a súa solución, son en cambio de todo punto inútiles á hora de crear ou evocar imaxes artísticas.
o exemplo que máis fácilmente me ven á cabeza mentras escrebo, é o proceso polo cal @ nen@
comeza a ler. ve, unha a unha, sílabas que, unha a unha procesa, identifica e pronuncia. algunhas semanas ou meses mais tarde, en troques, o seu cerebro "ve" a mancha da palabra e máis tarde, a da frase, que é capaz xá de ler sen segmentar, por identificación global, aprehendéndoa toda e podendo "entrar" nela, interpretála.
os pequenos feitos psicofisiolóxicos que compoñen o feito de tocar o violín, como compoñen probablemente toda actividade humana, cóntanse non sei se por centos, miles ou máis.
como violinista sei que, se quero facer unha pasaxe rapidísima composta de moitas notas,
non podo tocar ben a pasaxe concebíndoa como unha serie de numerosas notiñas. o que sí podo,en troques, é vela, como unha mancha, e lanzarme a ela como quen dá un manotazo global. pero o caso é que en determinadas circunstancias, antes, e para conquerir esta capacidade, teño necesidade perentoria de analisar, de determe e preguntarme cousas, incluso a nivel verbal, organizar as miñas estratexias e adquirir as habilidades necesarias paso a paso, racional, gradual e organizadamente.
vexo o estudo do violin-profesión como un proceso de dúas caras que teñen que estar a ser usadas en constante oscilación:
1. estudo analítico, 2. tocar-xogar sen pensar, e de novo 1. análise consciente, e outra volta 2. síntese -xogo.
eso fai posible que un/ha disfroite nun escenario soportando unha dose de risco e de irracionalidade. hai unha insuficiencia en xogar sempre sen se deter a reflexionar, e é a chapuza. hai outra insuficiencia en reflexionar sempre: é imposible. e se non coñecemos o "outro estado", o do xogo abarcador e arriscado, con suficiente familiaridade, tendemos a sacralizálo como milagre da inspiración, e non podemos invocalo con sinxeleza cando nos é necesario.

27/12/07

ENSINADEPRENDER


a vó de paxaro, e para irnos entendendo o mellor posible:
a proposta pedagóxica máis avanzada para o violín que coñezo e na que creo ata que non se me amose que estou errada sería:
unha exploración permanente dirixida principalisimamente á reconstrución ou recuperación de dúas cousas que a vida adoita roubarnos, ou nós adoitamos extraviar, a saber:
~ o "eu-nen@", ese que fomos e deixamos lamentablemente de ser, non de xeito irreparable, por certo.
~ o "nós", ese gran ausente nas cidades, ao que procuramos compulsivamente no ocio cutre que nos suxire a publicidade, é dicir, por un camiño máis ben erróneo.
que caracteres podería ter, e de cotío non ten, esa procura da cal o violín é máis que nada un vehículo?
~ carácter físico, entendido se queredes como exercicio san para o cerebro e para o resto do corpo.
~ intelectual. investigación como xeito actitudinal. reflexión como hábito.
~ sensorial. hai tres sentidos que dirixen e constitúen o núcleo da experiencia violinística. ningún deles é a vista...
~ lúdico. non xogar, non gozar, non rir, non enredar co violín, é perderse o mellor.
~ criador. todo o recebido como receita é susceptible de ser transformado, adecuado, adaptado, recriado. realmente, se non se transformou nunca noutra cousa, non rematou o proceso de comprensión.
~ poético. o son é sempre, virtualmente, unha metáfora, un sabor, unha imaxe. se non se sinte o son como unha xanela aberta que permite experimentar algo-non-estrictamente-violinístico, é facil que esteamos un tanto lonxe de nós mesmos, e polo tanto, da propia música.
~ psicodramático. se non ex-presamos, ou sexa, empurramos cara fóra, o que temos dentro, (co pretexto da composición doutr@s ou de nós mesmos), o violín come en nós. se o facemos, tocar é un exquisito alimento.
~ consciente, claro, pero tamén sub-consciente, in-consciente e ata pre-consciente. non todo o que facemos e vivimos co violín se pode explicar, aínda que todo é perceptible.
~
potencialmente comunicativo. certamente pódese tocar o violín para un/ha mesm@. nese caso, tamén existe un interlocutor: un/ha mesm@.



REPASAR


un dos moitos sentidos que pode ter recuperar repertorio antigo, que hai moito tempo que un/ha non toca, é a toma de conciencia da propia mellora ao longo dese tempo.
conciencia e revalorización do propio avance (polo común difícil de percibir de tan gradual que é...)
outro posible valor desta práctica é identificar e analisar as carencias que se teñen padecido. carencias que, se cadra, axexan agochadas nalgures...
por outra banda, o repaso implica a recuperación dun material no que poder moverse con confianza, con comodidade. no que poder estar a gusto. @s que seguimos unha carreira (vaites coa palabra!) como instrumentistas, non nos sobran oportunidades de tocar cómod@s. apenas acadados unha serie de logros, bótansenos enriba novos desafíos, polo común superiores aos precedentes...
por último, e se cadra o máis curioso, repasar danos a oportunidade de constatar que, aparentemente abandoada, a obra "medrou", alterouse, seguiu una sorte de vida propia e maduración posterior. polo de agora ocórrenseme tres hipóteses do porqué desa maduración espontánea.
~ desenvolvemento espontáneo e ordenación inercial das experiencias obtidas
~ influencia do traballo desenvolvido sobre outras obras
~ cesamento da rutina.
conviría pensar con calma no papel que as inercias e as rutinas xogan no noso contacto co violín, tanto para mal como para ben.

25/12/07

A ARTE E O TEMPO.


"arte", "artista". palabras case tan usadas como mal usadas. abusadas como rótulo de casta, como xeito de trazar unha barreira entre "nós" e "@s outr@s". considero artista a tod@ aquel/a capaz de perseverar, de teimar nunha tarefa percurando (simplemente??) levala a cabo sempre mellor, o mellor posible. hain@s en todos os xeitos de actividade humana. supoño que o amor é o mellor xeito de perseverancia, o único xeito de perseverancia capaz de criar beleza, lenta e docemente, impetuosa e terriblemente, como a auga cría un río na pedra, sen abandoar endexamais o seu labor. @s human@s adoitamos adoecer de impaciencia. mais tamén somos quen de desexar e de perseverar. somos quen de mirar, sentir e ouvir con profundidade sempre crecente. somos quen de deternos a acariñar o conquerido e a desexar o que aínda está a ser concebido. (esas pausas vivas, observadoras, activas, garanten a frescura do novo intento, garanten a súa lucidez, forman parte da dinámica do traballo criador). somos quen de illar e contemplar as pequenas tarefas que conforman unha grande tarefa, e pacientemente, como canteiros, unha a unha levalas a cabo, sen anguria, con calma, implacables como ríos. somos quen de esperar a que o saber floreza, fructifique e madure como nunha árbore. se cadra por iso é dubidoso que se podan considerar artísticas as "operacións triunfo" meteóricas e pretendidamente milagreiras. todo o bó, todo o que vale, é fillo dun tempo calmo que debemos de loitar por criar dende o centro do caos presuroso que produce dividendos engaiolantes, currículums vitae rechamantes, e ...clientela para @s psiquiatras e @s fisioterapeutas.
todo esto ten moito que ver con outra cousa:
como aprendemos a ser violinistas sen deixar de ser persoas, e sen nos converter en autómatas.

NADAL DE 2007

estivo ben lonxe de vós o violín do becho, pedímosvos perdón el e máis eu. andabamos por aí, loitando, preguntando, buscando, chorando e rindo. isto non é un saúdo de nadal, non. cada minuto nacen incontábeis nenos pobres en infindos currunchos de miseria. ningún rei, nen mago nen dos outros, lles leva nada.
un dos poucos agasallos é a música, cando non está prostituída. brindemos por ela hoxe, un día como tantos outros.

27/06/07

A TÉCNICA, 2

desgraciadamente, a percepción que temos a priori e incluso a posteriori, respecto do conxunto de prácticas propias do noso entrenamento, é a de un prezo a pagar para poder facer música, idea discutible. a suxeción da arte á lóxica de mercado obriga, porén ao/á profesional a manter un nivel alto de rendemento físico. xa post@s a vivir da música, necesitamos pois facer da técnica unha vivencia básicamente pracenteira. para atopar esa fórmula penso que é bó pensar no feito técnico como nunha fonte de pracer de seu. como nun deporte, unha arte, un proceso creativo. deporte como goce do corpo que respira en movemento.arte como percura da fluidez e a beleza dos movementos, como deseño dunha coreografía.creación non conformándonos có que se merca feito nos manuais. tod@s somos quén de inventar os nosos propios exercicios, ou de adaptar os que preexisten de xeito innovador. trátase de facer noso aquelo que facemos seguindo consignas chegadas de fora. apropiarnos disas consignas, reinterpretalas.

19/06/07

18/06/07

¿UN BLOG GALEGO "SÓ" PARA VIOLINISTAS ?



o becho ven de recibir un comentario dunha amiga pianista, no que interroga se ese "para violinistas" do texto inicial é excluinte. a resposta é "claro que non". pero a pregunta dá mais xogo ca ise. o asunto é investigar se as cousas de violinistas, matemátic@s, pianistas, cociñeir@s e albaneis, son ou non parecidas no esencial. outra boa pregunta para facernos é a de cántas veces ao día o aprendido para ou po-lo instrumento en cuestión é de utilidade para a solución dun problema ou tarefa extra instrumental. é decir: o blog está aberto a calquera que teña traballado ou traballe coas mans, é dicir, a case que tod@s. é dun gran interés que as persoas que compartimos unha certa idea acerca de cómo vivir, traballar e compartir o vivido, poñamos en común opinións, sensacións e sentires.

14/06/07

TOCAR "POR RIBA" DUN CD, (OU: A BONDADE DO ERRO)


tocar o violín mentres escoito música, tentando de "entrar" no que escoito, é algo que non me atrevín a facer durante moitísimos anos. ou igual é que non se me ocorréu. o caso é que o fixen de "moi adulta", cando xa perdera o medo de inventar, o medo a que algunha das notas que eu producía non quedara "bonita". supoñíase que xa tiña aprobada a armonía, polos pelos, pero aprobada. o malo é que temos unha especie de temor ao erro que nos impide probar algo novo, pisar herba fora do carreiriño. partimos da base de que as cousas (?) apréndense por turno, unha detrás da outra. e querémolas facer "ben"(?) ou se non, non facelas (!). creo que unha das creencias mais útiles que adquirín en toda a vida, é que para facer algo ben, primeiro hai que facelo mal, e non asustarse. repetir o intento, e se volve a non sair, rir de sí mesm@ pero con bonachonería, e volver a intentalo. o erro é un momento privilexiado no proceso da aprendizaxe. é a hora de abrir as orellas e preguntarse qué pasou, por qué pasou e si é realmente tan malo que pasara. e outra cousa que aprendín é que as mellores descubertas que somos quen de facer, é complexo explicar a outr@ cómo as fixemos, porque o que acontece de xeito subconscente non é facil de tirar á superficie. isto viña a que agora disfroito moitísimo tocando "por riba" dun cd de calquera xénero ou estilo, e sufro pouquísimo cando meto unha nota errada. e podo decir que erro moitas menos notas que daquela, cando aspiraba a facelas todas ben...e creo que empezo a entender mellor a armonía que aprendín de estudante, agora que a uso, para pasálo ben, ou chámalle crear. non xa para aprobar exames.

13/06/07

A ESCALA

do mesmo xeito que o corpo humán contén auga nunha altísima porcentaxe, a música occidental, tanto a chamada "culta"como a que chamamos doutros xeitos
contén no seu corpo unha considerable proliferación de escalas. polo tanto, debería de ser casi incomprensible a cara de comer limón que se lle pon a numeros@s estudantes cando @s profes queremos escoitar "a escala". pero todo o mundo sabe por qué iso acontece.
polo pronto, suponse que a escala que queremos ouvir é a diatónica, maior ou menor, e se hai un pouco de sorte, tamén uns arpexios. nunca se pensa que podemos querer escoitar outra escala.
unha pentatónica, ou modal, de cuartos de tono, de jazz , ou unha escala fabricada pol@ alumn@ según criterios da súa elección ou preferencia estética.
para seguir, cabe prever que queremos ouvila totalmente despoxada de expresión e sen senso musical algún. unha conclusión primaria pero razoable, é que o que queremos @s profes é presenciar a execución dunha escala fea. ¿SERÁ ISO CERTO?